jueves, 2 de febrero de 2012

A Candeloria



 


 

A Candeloria é unha festa relixiosa que se celebra o día 2 de febreiro.  Consiste  na bendición  das candeas que despois serían utilizadas na celebración da Semana Santa (máis exactamente o Xoves Santo). Pero en Galicia ademáis era considerada a data coma un preludio da chegada da primavera e con ela o renacer da natureza. Dicíase que era a época do casamento dos paxaros e para os mariñeiros tamén era o comezo da navegación despois da longa espera no período invernal no cal a maior parte das embarcacións non saían dos portos.    

Di un refrán que “a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”. Considerábase a esta festa coma “a do amor e do apareamento no reino animal”.   

Para o pobo campesiño a Candeloria significaba o final do inverno, o fin das longas noites e dos días sen luz, e tamén o comezo do ano agrícola posto que a vida retornaba gradualmente aos campos e aos cultivos. De modo que a candea que se acendía en cada lar para conmemorar esa data simbolizaba o regreso da luz. O seu significado propiciatorio foi recoñecido en toda a cristiandade occidental, e as candeas que os devotos levaban á igrexa para que as bendixese o sacerdote na misa dese día, se consideraba que adquirían poderes sobrenaturais para afastar aos malos espíritos, ás treboadas que puidesen ameazar aos sementados e tamén para axudar a calquera nos difíciles trances dos ritos de paso, e na enfermidade.

 

A CANDELORIA (por Luís Amado Carballo)

Na catedral do abrente
oxe cásans' os paxaros,
con nubens de neve e ouro                       
está o ceo galanado.

Ficou o día ancorado
na ría donda do ceo.
Os roibens soben no lonxe
como rosarios d' encenso.

O xantar do casamento,
roibo, na palma da man
das eiras madrugadoras
xa está arranxado no val.

Vai tocando pol-o campo
a sua zanfona o rego
e canta o vento nas farpas
sonorosas dos piñeiros.

O campo as montanas ruzas
envolve en capa pluvial
co hisopo do sol mollado
dalles a beizón nupcial.

Do casebre nugallán
soben os vivas dos galos
e na festa d' esta noite
estrena un luar o campo.